24 de marzo de 2014

CERTIFICADOS DE PROFESIONALIDADE


QUE SON OS CERTIFICADOS DE PROFESIONALIDADE?

Un certificado de profesionalidade é un documento que acredita a un/ha traballador/a nunha cualificación profesional do Catálogo Nacional das Cualificacións Profesionais; é dicir, certifica que cumpre coas competencias mínimas necesarias esixidas nunha profesión.

Os certificados de profesionalidade teñen carácter oficial e validez nacional, e están regulados polo Real Decreto 34/2008.  



Organízanse en Unidades de Competencia, cada unha das cales leva asociado un módulo formativo, onde se describe a formación necesaria para adquirir esa unidade de competencia. Asimesmo, este módulo, pode dividirse en unidades formativas, que en ningún caso serán de duración inferior a 30 horas:



Para obter un certificado de profesionalidade temos dúas vías:

  • FORMATIVA: Superando todos os módulos formativos que compoñen o certificado de profesionalidade. Esta formación só pode ser impartida por centros de formación autorizados pola Administración competente e pode ofertarse pola totalidade dos módulos formativos que compoñen un certificado, ou por módulos formativos de forma independente.
  • RECOÑECEMENTO DAS COMPETENCIAS PROFESIONAIS: Mediante os procedementos para a avaliación e acreditación das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral ou de vías non formais de formación. Esta acreditación realízase por cada unha das unidades de competencia que configura o certificado, de xeito que nunha mesma convocatoria a persoa candidata pode optar a presentarse a unha, dúas... ou á totalidade de unidades de competencia que compoñen un certificado.

Os certificados de profesionalidade son emitidos polo Servizo Público de Emprego Estatal (ou, no seu caso, polas Comunidades Autónomas) a quen supere os módulos correspondentes ou ben obteña a acreditación das unidades de competencia que o compón.

Quen non supere a totalidade dos módulos asociados ao certificado e supere os módulos asociados a unha ou varias unidades de competencia, recibirá unha certificación dos módulos superados que terá efectos de acreditación parcial acumulable das competencias profesionais adquiridas.

Un certificado de profesionalidade non é un título académico, é unha acreditación laboral, pero si pode conducir á convalidación por parte da Administración Educativa daquelas unidades de competencia que coincidan cos títulos de Formación Profesional, facilitando así a consecución dun título de Formación Profesional regrada.